Arzúa cidadán

O Concello inclúe dúas vías no plan de cooperación provincial

01/05/2007 19:44 Na súa última sesión ordinaria o pleno do Concello de Arzúa deu luz verde á decisión de enmarcar no Plan de Cooperación Provincial 2007 as obras denominadas camiño da Calzada (Burres) á igrexa de Oíns e camiño-estrada de Lugo-A Pastoriza.

O último pleno ordinario do Concello de Arzúa, que tivo lugar o 30 de abril de 2007, acordou por unanimidade incluír no Plan de Cooperación Provincial 2007 as obras Camiño da Calzada (Burres) á igrexa de Oíns, que atinxe a un tramo de 5.690 metros que pasará a ter 5 metros de ancho e ten un presuposto de 139.979,33 euros, e o Camiño estrada de Lugo-A Pastoriza, que atinxe a un tramo de 3.250 metros que contará con 7 metros de ancho e cun orzamento de 246.317,43 euros. Este último presentará tamén un carril acondicionado para peóns.

No caso de producirse baixas na contratación destas obras quedaría incluído o subministro dunha máquina-basoira para a limpeza diaria das rúas do concello e para a dos contenedores do lixo.

No transcurso do mesmo pleno procedeuse tamén á adxudicación da obra de implantación de herba artificial no campo de fútbol de Arzúa (financiada pola Deputación Provincial da Coruña) á UTE Cobra Instalacións e Poligrás Ibérica e á da xestión indirecta do servizo público da piscina municipal cuberta climatizada e a piscina municipal descuberta á empresa Meteoseyco.

Na parte de control e seguimento da xestión municipal, Leonardo Bermúdez, Concelleiro de Facenda do Concello de Arzúa, deu conta do expediente de liquidación do orzamento municipal do exercicio 2006, manifestando "a satisfacción do goberno local coa actual situación económica do Concello de Arzúa, logo de anos sen ter un remanente positivo". Neste sentido, indicou que Arzúa conta nestes momentos "cun remanente positivo de 145.000 euros que lle permitirá acometer novas obras e gastos", ao que engadiu que "o resultado orzamentario deste exercicio é de 296.000 euros, o que indica que houbo máis ingresos que gastos e que se segue a tendencia dos últimos tres anos, que nos permitiu chegar a unha situación de equilibrio".