Casa Grande do Viso
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Casa fundada na Idade Media e coñecida tamén co nome de Viso da Torre en recordo dunha torre defensiva do arcebispado de Compostela que existiu no lugar e cuxos restos se aproveitaron na construción da casa. O documento máis antigo conservado sobre esta vivenda data do ano 1525.
Presenta planta cuadrangular, con dúas plantas e construída con cachotaría revestida, excepto nos vans, onde ten cantería á vista.
A mediados do século XX, o conxunto perdeu varios elementos tradicionais, como unha cheminea, unha lareira, unha solaina e o pombal. Consérvase, non obstante, parte da muralla que rodeaba o recinto, o portalón de acceso, o hórreo, o cruceiro, os alpendres, as huchas para o gran, salgadoiros, o forno, pías de pedra, abundante documentación, mobiliario e obxectos litúrxicos -herdanza do cóengo Andrés García Fuentes-.
Observacións
No seu amplo xardín atópase un dos cruceiros máis fermosos do concello, que data de finais do século XIX.
A Casa Grande do Viso está incluída dentro do sendeiro do Val do Iso, promovida polo Concello de Arzúa.
