Castelo de Fruzo
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
O coñecido como Castelo de Fruzo é unha edificación pacega construída en cachotaría, con cantaría nas esquinas, de planta rectangular que serviu como antiga fortaleza militar. Destaca a portada, co escudo dos Giráldez baixo a cornixa, así como a moldura barroca da entrada, datada no século XVIII. No interior destaca unha gran escaleira de pedra, pertencente á mesma época, de dous ramais, que remata nun gran balcón con balaustres de pedra. O conxunto sufriu varias reformas, a causa das que perdeu a metade dereita da vivenda, o balcón que estaba baixo o escudo ou a capela do pazo.
Como Chegar
Partindo do concello de Arzúa, dirixímonos cara Compostela uns seis quilómetros pola estrada N-547 ata atopar un desvío a man dereita cara Calzada, despois de Burres. Seguimos esta pista uns cinco quilómetros -pasando a parroquia de Dodro- e chegamos ao lugar da Igrexa. Nesta encrucillada desviámonos á esquerda. A poucos metros, atoparemos un desvío á esquerda cara Fruzo. Xa no lugar, o Castelo atópase no medio da aldea.
Observacións
O castelo está protexido e catalogado como Ben de Interese Cultural (BIC).
No actual alpendre, fronte a casa, atópase unha fonte de pedra centenaria de labra rústica.
A propiedade actual é da familia Varela Boo.
