Pazo de Santa María
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Pazo que data da primeira metade do século XVIII, tal e como se pode ler no escudo que se atopa enriba dunha das súas entradas: "hizose el ano de 1742". A edificación destaca polo conxunto que forma cos seus alpendres e cunha antiga casa de caseiros, así como cun pequeno hórreo de tres claros e co portalón de entrada ao recinto.
En liñas xerais, e debido ás dependencias que posúe, así como ao seu material construtivo, xa que ten paredes de cachotaría, a súa aparencia aseméllase máis á dunha casa grande que tende a imitar a arquitectura pacega. Tanto o Camiño do Norte como o Camiño de Santiago transcorren polos seus arredores.
Na actualidade, o conxunto está dedicado ao turismo rural, e está incluído como punto de referencia dentro do sendeiro do Val do Iso promovido polo Concello de Arzúa.
