San Vicenzo de Burres
Na Galipedia, a wikipedia en galego.
Templo parroquial de estilo barroco clasicista tardío que data de finais do século XVIII. A súa fábrica é de cachotería encalada en branco e con cantería en ventás, portas e na súa portada. Esta última é de estilo neoclásico e remata nun campanario de granito de estilo barroco que é obra de Ramón Santos Verea.
A igrexa presenta unha cuberta a dúas augas con tella do país e nave única con coro, teitume e chan de madeira. No seu interior hai un arco de medio punto (de cantería recebada) que separa a nave do presbiterio e que ten unha inscrición que pon "AÑO DE 1910"
O retábulo maior, de estilo neoclásico, data do século XIX pero a igrexa conserva outros dous retábulos máis, o da Virxe do Carme e o da Virxe do Rosario.
O campanario é do mesmo autor que fixo o da igrexa de Santiago de Arzúa e as campás teñen as seguintes inscricións:
"AÑO DE 1823 IHS MARIA Y JOSE / SANTA CATALINA BIRGEN Y MARTIR SIENDO CURA D. CAETANO REY Y PORTO" (a do lado sur) e "SAN BIZENTE DE BVRES IHS MARIA Y JOSE PATRON / HIZOSE SIENDO RETOR EL S DON CAETANO REY Y PORTO AÑO DE 1823" (a do lado oeste).
